Friday 17 de May de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais no núcleo urbano da parroquia de Santa Cruz de Mondoi, no concello de Oza-Cesuras


― O foco, verificado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos mediante analítica, tiña a súa orixe nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona

― Os inspectores de Augas de Galicia constataron recentemente que as actuacións realizadas polo Concello permitiron a emenda do vertido

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais no núcleo urbano da parroquia de Santa Cruz de Mondoi, no concello de Oza-Cesuras.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.

Os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe do vertido nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona e procederon á toma de mostras, cuxa analítica amosou contaminación no punto inspeccionado.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Oza-Cesuras para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.

Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo Concello na zona, coa conexión das augas residuais xeradas nas vivendas cara á rede de saneamento municipal con depuración final, permitiron o cese do foco e a emenda do vertido.